A Fundación TIC potenciou en 2014 o labor social a prol do maiores e das asociacións sen ánimo de lucro
-O Padroado aproba a memoria, batindo o seu propio récord con máis de 850 actividades organizadas, e un grado de execución das contas do ano pasado do 89,71%
-Mantivo a matrícula gratuíta; incrementou nun 26,3% os convenios con ONGs; potenciou a Lugo Film Commission e titorizou proxectos de alumnos e titulados da Escola de Imaxe e Son
- Besteiro subliñou que “cumprimos os obxectivos que nos marcamos nos orzamentos de 2014: unha educación pública de calidade e a mellora da calidade de vida dos maiores coas novas tecnoloxías”
O Padroado da Fundación TIC, dependente da Deputación, aprobou este martes a memoria de actividades da entidade en 2014, que inclúe máis de 850, das que 700 están relacionadas coa formación dos alumnos da Escola de Imaxe e Son (EIS) e o resto co envellecemento activo dos maiores. O Presidente da TIC e do organismo provincial, José Ramón Gómez Besteiro, subliñou que “acadamos un novo récord de actuacións coas que, ademais, cumprimos os obxectivos que nos marcamos cando aprobamos os presupostos do ano pasado: un ensino público e de calidade encamiñado á inserción laboral dos nosos alumnos e o reforzamento do labor social da entidade a prol dos maiores e das asociacións sen ánimo de lucro da provincia”.
Neste senso, Gómez Besteiro destacou que “en 2014 mantivemos a gratuidade da matrícula, incrementamos nun 26,3% o número de convenios de colaboración con asociacións e acadamos un gran éxito de participación nos obradoiros de alfabetización dixital para maiores de 55 anos, cunha demanda que superou nun 69,6% o número de prazas”.
Nesta reunión, o Padroado tamén aprobou a conta anual do exercicio 2014 cun grado de execución do presuposto do 89,71%, que ascendeu a 1.585.455 euros, e o cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria e de regra de gasto. A esta cantidade hai que sumar 1,6 millóns de fondos europeos para o Plan de Promoción da Autonomía das Persoas Maiores da Provincia que xestionou a TIC a través dunha encomenda da Deputación con 80% de financiamento do Fondo Social Europeo, e que rematou en 2015.
Novas tecnoloxías cun fin social
“Un dos nosos obxectivos é mellorar a calidade de vida e o benestar dos nosos maiores, que representan o 28% da poboación da provincia, a través das novas tecnoloxías e a innovación”, apuntou Gómez Besteiro. En 2014 o InLugo impartiu 92 cursos, que rexistraron unha alta demanda: para as 1.122 prazas convocadas houbo 1.904 inscricións. Ademais, o Centro de Innovación Social desenvolveu outros programas con gran acollida entre os maiores, como o Nutretic, e recibiu 80 consultas no novo servizo de titorías personalizadas desde a súa posta e marcha en setembro.
Polo que se refire á colaboración co tecido asociativo, asináronse un total de 139 convenios. “Deste xeito, apoiamos e difundimos o importante labor que desenvolven estas organizacións e, ao mesmo tempo, contribuímos á formación práctica dos nosos alumnos”. Entre as numerosas colaboracións están o flasmob de Unidos por el cáncer, o vídeo musical Camiñando con Saúl Cancio ou o DVD da homenaxe a Manuel María, Andando a Terra.
Formación pública de calidade para a inserción laboral
Gómez Besteiro afirmou que “para nós, o acceso a unha educación pública e de calidade é un dereito básico. Por iso, decidimos manter, por sétimo ano consecutivo, a gratuidade de matrícula, agás para os repetidores, un esforzo inversor que se viu reflectido na demanda de prazas, xa que por sexto ano se cubriron todas as Realización e Produción”.
O modelo educativo da TIC aposta polas prácticas en escenarios reais, como as emisións por streaming, un sistema cada vez máis demandado no mercado laboral. Grazas a estas emisións en internet, os interesados puideron seguir en directo e íntegras todas as sesións plenarias da Corporación ou actividades desenvolvidas pola Deputación ou froito dos convenios da TIC como o Foro de Redes Sociais #InLugo; os Campionatos de Baristas de Foz; o Concurso Lucus Intercentros, ou o Campionato Galego de Atletismo para Clubes. Os alumnos tamén gravaron e realizaron actividades como a Gala Lucus Moda, que se emitiu en Telelugo. En canto a proxectos dos propios alumnos e titulados, a TIC aportou as ferramentas e formación necesarias para que emprenderan iniciativas como a serie web Haters, candidata aos Mestre Mateo deste ano.
Por outra banda, houbo un importante incremento da formación complementaria dirixida a alumnos, docentes e técnicos, co obxectivo de adaptarse á demanda dun mercado en continuo cambio, e organizáronse preto de 20 mastrerclass de profesionais de recoñecido prestixio como Antonio Cuadri, Tomás Valgo, Alejando Marzoa e Jorge Algora.
Promoción da provincia e Film Commission
No que se refire á promoción da nosa provincia, a Fundación elaborou traballos audiovisuais que foron difundidos a través de axencias de noticias nacionais, xornais dixitais, canles de televisión e emisoras de radio. As festas da Malla de Meira, San Ramón de Vilalba, As San Lucas de Mondoñedo ou do Berberecho de Foz, a Ruta dos Lobos da Fonsagrada, Expogrelo de Abadín e o DVD da actuación “Sóber en Sober” son só algúns exemplos. Tamén se reforzou a Lugo Film Commission para atraer rodaxes a nosa provincia. Neste caso cabe destacar a gravación da película para televisión Hotel Almirante, que contou cunha gran implicación da sociedade lucense, e coa participación dos alumnos da EIS.
E, coa finalidade de que os lucenses coñezan de primeira man o labor que realiza a entidade, en 2014 potenciouse o contido das visitas didácticas ás instalacións da Fundación, nas que máis de 1.250 alumnos e profesores de 41 centros educativos da provincia fixeron a súas propias prácticas audiovisuais cos Ticodiarios.