Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas da Fundación TIC

27/02/2015

Lara Méndez avanza no Abertic que a TIC continuará tres anos máis co seu labor a prol dos maiores no InLugo

- Segue a encomenda da Deputación “logo do éxito das actividades de fomento do uso das novas tecnoloxías xestionadas pola TIC que reforzaremos en toda a provincia”
- A Vicepresidenta Segunda participou na última xornada de portas abertas e entregou os premios do concurso Engurras TIC, que gañou Rosa Prieto de Monforte
- Máis de 300 persoas de toda a provincia participaron nas actividades organizadas no Abertic Maiores, incluídos almorzos e merendas saudables

A Vicepresidenta Segunda das Deputación, Lara Méndez, acompañada da Concelleira de Cultura de Lugo, Carmen Basadre, participou este xoves na última xornada de portas abertas do Abertic Maiores polo que pasaron máis de 300 persoas. A responsable provincial visitou os tres espazos nos que se desenvolveron diversas actividades relacionadas con programas xestionados pola TIC, dependente da Deputación, a través do Centro de Innovación Social, como os Almorzos e Merendas Saudables, Engurras TIC, Memoria Dixital Tic Tac, Sempre en Activo e Camiña coas TIC.

Durante a súa visita, Lara Méndez avanzou que a Fundación TIC seguirá xestionando durante tres anos máis a actuación Promoción da autonomía persoal dos maiores da provincia cunha encomenda da Deputación con fondos propios. “Estas xornadas de portas abertas reafírmannos no noso convencemento de que as novas tecnoloxías son unha ferramenta moi útil e fundamental en pleno século XXI para mellorar a calidade de vida dos maiores, especialmente nunha provincia como a nosa, cun alto índice de envellecemento e de dispersión demográfica”, destacou a Vicepresidenta.

Pero ademais, “este compromiso cos nosos maiores viuse avalado pola alta demanda de participación nos cursos, obradoiros e demais actividades organizadas polo InLugo. Só un dato: desde o último trimestre de 2013 presentáronse 2.591 inscricións para as 1.606 prazas que se convocaron, é dicir, un 61,3 % máis de solicitudes, o que demostra o interese que hai por estas actuacións”. Lara Méndez avanzou que “nos vindeiros anos, ademais dos cursos e obradoiros no InLugo, reforzaremos a nosa presenza en toda a provincia e continuaremos coas titorías personalizas para resolver aos maiores calquera dúbida sobre novas tecnoloxías que teñan os maiores”.

Entrega premios Engurras TIC
Durante a súa visita ao Abertic Maiores, a Vicepresidenta Segunda entregou os premios do obradoiro–concurso Engurras TIC, que se desenvolveu en Ribeira de Piquín, Burela, Monforte de Lemos, Guitiriz e na sede do InLugo. A gañadora foi a fotografía “Amanecer” da monfortina Rosa Prieto. O xurado tomou esta decisión por unanimidade pola “composición temática da imaxe, o acerto á hora de aplicar o retoque e a presenza da figura humana seguindo a regra de dous terzos”. Os catro finalistas son: Marisa Fuste (Lugo); Rosa Rois (Ribeira de Piquín); Valentín Pérez (Burela);e Antonio Bello (Guitiriz). A gañadora recibiu unha tablet de última xeración e os finalistas catro smartphones de gama media-alta. As fotos tamén poden verse ata o 28 de febreiro nos lugares nos que se desenvolveron os talleres. Todas as imaxes están colgadas na web www.fundaciontic.org

Actividades dos programas do InLugo
As actividades do Abertic Maiores repartíronse en tres espazos. Un deles estivo dedicado aos almorzos e merendas saudables, onde se ensinaron os principios da alimentación e nutrición, a clasificación de alimentos ou os tipos de dietas. A segunda sala centrouse nos programas Memoria Dixital Tic Tac, Taboleiro Abertic e Engurras Tic, que promoven un envellecemento activo. Por último, o terceiro espazo dedicouse a Sempre en Activo e Camiña coas Tic, proxectos destinados á estimulación cognitiva e funcional e á alfabetización na rede. Houbo un Rincón X-Box, Wii, PlayStatión etc, no que os participantes realizaron actividade física con diversas consolas e demostracións de xogos.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet