Alumnos da TIC emitirán en directo unha nova edición dos Campionatos de Baristas de Foz do 9 ao 11 de febreiro
-No encontro competirán 17 escolas de hostalería de España e Portugal e 12 profesionais, entre eles, o actual campión de España do Forum Café, Adrián Fernández
-Despois do éxito da emisión por streaming do ano pasado seguida a través da web da Fundación (www.fundaciontic.org), os alumnos de 2º de Realización repiten esta práctica do módulo de Realización de Televisión.
A Fundación TIC, dependente da Deputación, será a encargada un ano máis da emisión por streaming do VIII Campionato Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería e o III Campionato Internacional de Baristas Profesionais que organiza o IES de Foz. Os alumnos de 2º de Realización da Escola de Imaxe e Son serán os encargados da realización, gravación e emisión en directo do evento. Trátase dunha práctica nun escenario real, un dos sinais de identidade da formación que se imparte na EIS.
Este ano, ademáis do campión de España, Adrián Fernández, tamén participarán os campións de Cantabria e da Comunidade Valenciana. Como novidade e colofón do programa, haberá unha demostración de técnicas de mixoloxía molecular aplicadas ao mundo do café.
Grazas ao convenio entre a TIC e o IES de Foz, todos os interesados poderán ver os detalles das probas e seguilas a través da súa páxina web www.fundaciontic.org desde calquera parte do mundo, do mesmo xeito que na edición pasada, onde se erixiron campionas en primeiro lugar a Escola de Hostalería de Viana do Castelo, en segundo, a a de Sober, e en terceiro posto, a de Foz. Neste centro mariñán máis dun centenar de mozos estudan cociña e 30, servizos de restauración.
Desenvolvemento do programa
As demostracións arrancarán o luns, 9 de febreiro, ás 17:30 horas co VIII Campionato Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería 2015, no que participan 15 centros de España e 2 de Portugal. O martes, a partir das 9:00 horas desenvolverase a final do campionato e ás 13:30 haberá unha demostración de coctelería a cargo de “MONIN Gourmet Flavorings”. Por último, o mércores terá lugar a Final do III Campionato Internacional de Baristas Profesionais, que reunirá a 12 especialistas desta disciplina. Amosarán as súas habilidades, entre outros, os campións baristas de Cantabria, da Comunidade Valenciana e o actual campión de España, Adrián Fernández. Tamén o mércores, ás 14:00 horas, haberá unha demostración de “Técnicas de Mixoloxía molecular aplicadas ó mundo do café”, a cargo de Diego Mosquera, profesor de servizos de Restauración do IES Vilamarín de Ourense.
Práctica nun escenario real
A actividade da TIC é unha práctica do módulo de Realización de Televisión da EIS e nela os alumnos de 2º de Realización, co apoio de docentes, emitirán as probas dos tres campionatos a través da páxina web da TIC. Ademais, os que se acheguen ata ó instituto focense poderán seguir as demostracións dos participantes sen perder detalle, grazas a dúas pantallas de plasma. Coma noutras edicións, o material audiovisual que se obteña empregarase para a edición dun DVD, que se entregará posteriormente ao IES de Foz. Para esta práctica os alumnos da EIS empregarán unha unidade móbil, 5 cámaras autónomas e o material para o streaming. Cada estudante rotará por todos os postos, dende realización, son ou operador de cámara, e estarán pendentes de todo o equipo necesario para o directo.