Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas da Fundación TIC

21/01/2015

A Fundación TIC apoia cinco producións que optan aos premios Mestre Mateo

- Alumnos e titulados da Escola de Imaxe e Son concorren aos galardóns da Academia Galega do Audiovisual cun documental, unha serie web, unha curtametraxe, e dous videocplis
- Os traballos foron rodados integramente en Lugo e Burela, coa asistencia técnica e asesoramento da TIC no seu percorrido polos principais certames do sector

Alumnos e titulados da Escola de Imaxe e Son de Lugo (EIS) da Fundación TIC concorren con cinco traballos audiovisuais á 13ª edición dos premios Mestre Mateo. Trátase da serie web “Haters”, do documental “Escamas, Sangue”, a curtametraxe “Action Painting”, e dous videocplis de grupos lucenses, “Máscaras” de Zootropa, e “Arrepentido”,de Moondogs Blues.

A Academia Galega do Audiovisual vén de publicar a listaxe definitiva de candidatos, na que figuran as cinco producións coas que colabora a Fundación TIC, a través do seu alumnado e prestando apoio técnico aos equipos dos que forman parte realizadores e produtores titulados pola EIS.

Haters na rede
Unha vintena de alumnos e titulados da EIS rodaron en Lugo a primeira tempada da serie web “Haters”, que xa está dispoñible na rede (http://www.webseriehaters.com) “Haters” é unha comedia de situación, duns 10 minutos de duración por capítulo. O proxecto encabezado por Tania Penoucos, Miguel Barros e Luis Miguel Fernández conta co apoio técnico da TIC e asesoramento durante o seu percorrido polos principais certames do sector audiovisual. Nos vindeiros meses de abril e maio, está prevista a súa participación no Carballo InterPlay e no Festival de Cans.

A TIC cos músicos lucenses
Os traballos que optan ó mellor videoclip estreado en 2014 foron rodados por alumnos da EIS cunha dobre finalidade, para complementar a formación que reciben de cara a súa futura inserción laboral e como apoio á promoción das carreiras dos músicos lucenses.

O vídeo da canción “Máscara” de Zootropa foi gravado en cinco escenarios, no Hospital de San José, no parque Rosalía de Castro, nos Xulgados, no barrio de Catasol e nunha cafetería do casco histórico. O grupo Moondogs Blues elixiu o anfiteatro do campus universitario e as oficinas de Telelugo para o clip de “Arrepentido”.

Documental e curtametraxe
O candidato ó mellor documental “Escamas, Sangue” está producido e dirixido por Breixo Llano e Adrián Canoura titulados e actual alumno da EIS, coa asistencia técnica da TIC. Narra o acontecido hai 20 anos, en Burela, arredor da coñecida como “guerra do bonito”. O traballo inclúe imaxes de arquivo e entrevistas a protagonistas e testemuñas dos feitos.

A ficha técnica da curtametraxe “Action Painting” está integrada tamén por titulados do único centro público de ensino audiovisual da provincia, e foi rodada integramente na capital lucense. A súa duración é de 28 minutos, cun custe cero. A ilusión e profesionalidade dos integrantes do equipo e colaboradores foi a súa fonte de financiamento.

As producións lucenses que contan co respaldo da TIC compiten cun total de 111 obras presentadas este ano aos Mestre Mateo. A Academia Galega do Audiovisual dará a coñecer o vindeiro mes de marzo os finalistas de cada categoría.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet