A Fundación TIC colabora co II Campus de Verán Científico Técnico de Lugo
usc
set en usc
usc2
usc
Un equipo da Fundación TIC asesorará ós preuniversitarios na realización de vídeos de presentación dos seus proxectos
A Escola de Imaxe e Son da TIC tamén achegará ós participantes a súa proposta de estudos
O obxectivo do Campus é dar a coñecer as carreiras científicas e técnicas que ofrece a Universidade dende un punto de vista práctico
Un equipo da Fundación TIC formado por profesionais do Centro de Produción de Programas (CPP) e bolseiros da Escola de Imaxe e Son (EIS) participa durante esta semana no II Campus de Verán Científico Técnico de Lugo prestando asesoramento técnico a todos os alumnos que desexan usar ferramentas audiovisuais nas presentacións dos seus proxectos. Tamén gravará e editará un resume audiovisual de todas as actividades que se realicen durante estas xornadas.
A TIC tamén dará a coñecer a súa proposta de estudos ós case 90 preuniversitarios inscritos neste Campus. A Escola de Imaxe e Son é o único centro en Lugo que imparte ensinanzas relacionadas coa familia profesional do audiovisual. No centro pódense estudar os ciclos superiores de Produción de Audiovisuais, Radio e Espectáculos así como o de Realización de Audiovisuais e Espectáculos.
II Campus Científico Técnico
O Campus de Verán Científico Técnico de Lugo ten como obxectivos fomentar o interese do alumnado preuniversitario pola ciencia e a tecnoloxía ó tempo que informar das titulacións relacionadas con elas no Campus de Lugo, e das súas saídas laborais. Esta actividade é de marcado carácter práctico, e conta con obradoiros e presentacións de proxectos científicos e técnicos nos que o alumnado ten un contacto directo coas diversas ramas da ciencia e da tecnoloxía.