A Escola de Imaxe e Son abre este luns o prazo de preinscrición de matrícula que será gratuíta por 7º ano consecutivo
-Todos os interesados poden preinscribirse do 16 ó 27 de xuño para optar ás 44 prazas de primeiro de Realización e Produción no curso 2014-2015
-O 8 de xullo publicarase a listaxe definitiva de admitidos e a matrícula poderá formalizarse do 9 ó 16 de xullo na sede do centro educativo en horario de mañá
A Escola de Imaxe e Son (EIS) da Fundación TIC, dependente da Deputación, abre este luns, 16 de xuño, o prazo de preinscrición de matrícula para o curso 2014-2015. A EIS, o único centro da provincia que imparte ensinanza da rama audiovisual, ofrece 44 prazas de primeiro dos ciclos superiores de Realización e Produción.
Todos os interesados terán de prazo ata o 27 de xuño para apuntarse. Deberán presentar unha fotocopia do DNI, a certificación académica e cumprimentar o impreso que atoparán na web da Fundación (www.fundaciontic.org) ou na propia Escola. A documentación debe entregarse na sede do centro, na rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n de Lugo.
Prazo de matriculación
A listaxe provisional de admitidos, de solicitantes que quedan en lista de espera e de excluídos publicarase o 1 de xullo no taboleiro de anuncios do centro e na web da TIC. Do 2 ó 4 de xullo estará aberto o prazo de reclamacións e o día 8 publicarase a listaxe definitiva. A matrícula poderá formalizarse dende o 9 ó 16 de xullo, na sede do centro educativo en horario de 9:00 a 14:00 horas. Tanto o impreso como a documentación correspondente, poden descargarse na web da Fundación.
No caso de que haxa máis demanda que número de prazas, a prioridade para a matriculación será a seguinte: solicitantescon titulación de bacharelato que se determine para cada ciclo; titulación doutra modalidade de bacharelato distinta; de técnico superior; e universitaria.
A inserción laboral como prioridade
A Deputación manterá a gratuidade da matrícula por sétimo curso consecutivo para todos os alumnos, agás para os repetidores. Deste xeito, o organismo provincial aposta, un ano máis, por unha educación pública de calidade e, o mesmo tempo, por fomentar a cultura do esforzo.
A Escola de Imaxe e Son de Lugo imparte 2.000 horas lectivas, distribuídas en dous cursos formativos, nos que teñen moito peso as prácticas en escenarios reais. Entre os obxectivos prioritarios da Fundación está o de formar para a inserción laboral dos seus alumnos.