A Fundación TIC súmase á campaña solidaria Caminando con Saúl Cancio coa realización dun lipdub
-Saúl Cancio, de 6 anos, sofre unha enfermidade sen diagnosticar que lle impide camiñar e que require terapias moi custosas
-Alumnos e bolseiros da TIC participan na gravación e edición dun vídeo musical,no que Saúl e os seus compañeiros de clase cantan a canción Un millón de amigos,para a súa difusión a través das redes sociais
-A iniciativa partiu dos pais e nais do colexio María Axuliadora co obxectivo de recadar fondos que contribúan a mellorar a calidade de vida do neno
A Fundación TIC súmase á campaña solidaria Caminando con Saúl Cancio coa gravación e edición dun lipdub no que os alumnos de 3º de Educación Infantil do colexio María Auxiliadora de Lugo cantan a canción Un millón de amigosde Roberto Carlos. A finalidade é divulgar o vídeo a través das redes sociais para dar coñecer a situación que vive Saúl Cancio, de 6 anos, que naceu cun retraso psicomotor que lle impide camiñar, e recadar fondos que contribúan a mellorar a súa calidade de vida.
A gravación do lipdub, que é un vídeo musical no que un grupo de persoas sincroniza o movemento dos labios e dos xestos cunha canción popular, tivo lugar nos estudos da TIC e agora comeza o proceso de post-produción. Na gravación acompañaron a Saúl os seus compañeiros de clase de 5 e 6 anos. En total 19 nenos achegáronse ás instalacións da Fundación para participar na iniciativa. Na elaboración do lipdub participan alumnos e bolseiros da Escola de Imaxe e Son (EIS), como parte da súa formación práctica.
Como axudar a Saúl
A iniciativa partiu dun grupo de pais e nais dos compañeiros de clase de Saúl que, coñecedores das necesidades do neno, propuxéronse conseguir financiamento para cubrir os custes dos tratamentos orientados a mellorar as súas condicións de vida. Comezaron co deseño e venda de camisetas e chapas e agora promoven este lipdub co que colabora a TIC e que se utilizará para dar a coñecer o problema de Saúl na procura do apoio dos cidadáns.
Ata o de agora foron moitas as mostras de solidariedade dos lucenses, como as iniciativas emprendidas polo Azkar ou o Banco de Tapóns de Lugo, que permitiron mercar un andador especial. Todos os interesados en axudar a Saúl poden facelo con tan só un euro ó mes a través da webwww.teaming.net/caminandoconsaulcancio.