A TIC apoia a Asociación de Colombianos Inmigrantes para acadar unha oficina consular en Lugo
-O colectivo organizou un acto de apoio ó proceso de paz iniciado no seu país, este venres, no centro sociocultural Uxío Novoneyra, que incluíu unha vídeo conferencia con membros do Goberno de Colombia
- Un equipo da TIC gravou o encontro e editará un vídeo para difundir no exterior, ó abeiro do convenio asinado pola TIC e Fundesarrollo, para promover o labor que están a desenvolver na provincia
A Fundación TIC colaborou coa Asociación de Colombianos Inmigrantes Fundesarrollo no acto de apoio ó proceso de paz iniciado no seu país de orixe, que tivo lugar este venres, día 9, no centro sociocultural Uxío Novoneyra, coa participación de cidadáns chegados de toda Galicia. Un equipo de bolseiros e profesionais da TIC realizou a gravación íntegra do encontro, que contou coa intervención a través de Skype dun representante da Cámara Exterior e dun asesor do presidente de Colombia. O vídeo que edite posteriormente a TIC, contribuirá á difusión do evento que Fundesarrollo pretende levar a cabo no exterior.
A achega da Fundación TIC ó acto, ó que asistiu o deputado e patrón da entidade, Álvaro Santos, é froito do convenio que ten asinado coa Asociación de Colombianos Inmigrantes, que leva meses xestionando que a comunidade colombiana de Galicia conte cunha oficina consular en Lugo. O acordo recolle a realización de traballos audiovisuais de divulgación dos proxectos de sensibilización e atención das necesidades do colectivo, que agrupa a mais de 6.300 persoas en Galicia, das que 1.200 residen na provincia.
O labor social da TIC
Na actualidade, a Fundación TIC ten asinados convenios con mais dun centenar de entidades e organizacións sen ánimo de lucro, para difundir o seu labor na provincia de Lugo. Esta liña de colaboración permite que os alumnos e titulados da Escola de Imaxe e Son leven a cabo traballos profesionais, a través dun programa de bolsas, que lles facilitan a súa posterior incorporación ó mercado laboral para o que tamén mantén contacto con máis de 70 empresas nacionais do sector multimedia.