Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas da Fundación TIC

04/04/2014

A TIC colabora co Concello da Fonsagrada na 1ª Ruta Cicloturista dos Lobos que se celebra este domingo

-Alumnos, bolseiros e profesionais da Fundación elaborarán un DVD e reportaxes para difundir na rede e nos medios esta ruta na que participarán 270 persoas e descubrirá algunhas das paisaxes máis fermosas da Montaña luguesa
-Álvaro Santos dixo que “esta colaboración forma parte do obxectivo da Fundación de promocionar a provincia e as actividades que organizan os Concellos”

A Fundación TIC colabora co Concello da Fonsagrada na difusión da 1ª Ruta Cicloturista dos Lobos que reunirá este domingo a 270 participantes de toda Galicia, Asturias e León. No acto de presentación, o patrón da TIC e Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos, dixo que “esta colaboración forma parte do obxectivo da TIC de contribuír a promocionar as actividades organizadas polos Concellos así como a nosa provincia”. Neste senso, lembrou recentes colaboracións “como as solicitadas polos Concellos de Monforte de Lemos para difundir a Primeira Festa do Viño Novo ou o de Sober no caso da XXXIV Feira do Viño de Amandi”.

Santos, que estivo acompañado polo Alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández, o Concelleiro de Deportes, Carlos López, o tenente de Alcalde, José Ángel Fernández Carrín, e o técnico de deportes Enrique Fernández, anunciou que “un equipo formado por profesionais e bolseiros e alumnos da Escola de Imaxe e Son elaborarán un DVD e reportaxes para a súa difusión na rede e en varios medios de comunicación, coa finalidade de promover o deporte e dar a coñecer algunhas das paisaxes máis fermosas da Montaña luguesa”.

Éxito da convocatoria
A 1ª Ruta Cicloturista dos Lobos sairá ás 9:00 horas da Praza do Concello con dous itinerarios, un de 47 quilómetros e outro de 25. Ó remate, haberá duchas nas instalacións deportivas e a posibilidade de que se laven as bicicletas. A continuación, sobre las 15:30 horas, será o xantar. O prezo para participar é de 20 euros e inclúe: seguro, camiseta conmemorativa, comida e avituallamento durante a ruta. Os interesados teñen toda a información en deportes@fonsagrada.org.

O Alcalde da Fonsagrada dixo que “a iniciativa tivo unha grande acollida e xa está pechada a inscrición desde hai días. Estaba previsto un máximo de 200 prazas, pero ampliáronse a 270 para atender a demanda”. Segundo apuntou Argelio Fernández, “a idea partiu dun grupo de afeccionados ó ciclismo do noso Concello que participan activamente na organización, xa que son os que mellor coñecen a zona á hora de deseñar os trazados”. Dous destes afeccionados e membros da organización, José Manuel Nogueras e José Luis Santiso, participaron na presentación do evento, no que tamén se proxectou un vídeo do percorrido da ruta.

Cada ano o nome dun animal autóctono
Esta primeira convocatoria leva o nome de Ruta dos Lobos, xa que o itinerario atravesa lugares de paso habitual destes depredadores, como a fervenza de Vilagocende. Carlos López avanzou que “a nosa intención é que nos vindeiros anos se deseñen novas rutas que levarán o nome doutros animais que forman parte da fauna do noso municipio, como pode ser o xabarín”.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet