Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas da Fundación TIC

29/03/2014

Candidatos ós Mestre Mateo á mellor serie web comparten experiencias cos alumnos da EIS

-Na mesa redonda participaron os creadores das webseries Canillejas, Pablo Fontela e Manu Barreiro; Joke Business; Deborah Vukusic; e El Quid, Raúl García e Bruno Nieto
-Gómez Besteiro dixo que “este novo formato, polas súas características técnicas e de baixo custe, é unha gran oportunidade para que os nosos alumnos desenvolvan o seu talento”
-A iniciativa forma parte dos Encontros Mestre Mateo, organizados pola Academia do Audiovisual Galego como preámbulo á XII edición destes premios que entregarán o 12 de abril na Coruña

Os alumnos da Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC, compartiron este venres experiencias cos candidatos á mellor serie web dentro dos Encontros Mestre Mateo que organiza todos os anos a Academia do Audiovisual Galego como preámbulo á gala de entrega destes premios. No acto de presentación, o Presidente da TIC e da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, destacou “a importancia de que os nosos alumnos aprendan dos mellores profesionais e teñan un contacto directo co mundo do cine e do audiovisual, dentro da nosa aposta por unha formación de calidade destinada a súa inserción laboral”.

Na mesa redonda participaron representantes de tres das catro series web que optan ó galardón: Pablo Fontela e Manu Barreiro, de Canillejas; Deborah Vukusic, de Joke Business; e Raúl García e Bruno Nieto de El Quid. A cuarta serie é Entre pipas.

Oportunidade para os novos talentos
O máximo responsable provincial dixo que “hoxe temos a oportunidade, da man dos nosos invitados, de achegarnos a un novo formato, o das series gravadas exclusivamente para internet que, polas súas características técnicas e de baixo custe, son ideais para que a xente que comeza neste mundo, como poden ser os nosos alumnos e titulados, desenvolvan o seu talento e aproveiten as posibilidades que ofrecen para crear os seus propios proxectos”.
Neste senso, apuntou que “estas series están pensadas para o espectador actual, con contidos dinámicos, e para facelas é suficiente unha cámara, un grupo de actores e un guión. Co encontro de hoxe os alumnos da EIS coñecerán de primeira man desde a xestación dunha idea, ata a elaboración do guion, a produción, a gravación e a montaxe. De feito, aquí temos directores, guionistas, actores e mesmo operadores de cámara”.

Ademais, Gómez Besteiro subliñou que “dentro do noso obxectivo de adaptar a formación que impartimos na Escola á evolución das demandas do sector audiovisual, os alumnos, baixo a supervisión dos docentes, rodaron dúas series webs: “Fuga de descerebrados” e “0,20”, que poden verse na nosa web (www.fundaciontic.org)”.

Unha nova categoría dos Mestre Mateo
Este formato naceu en España en 2004 coa serie web Cálico Electrónico, pero foi en 2007, coa popularidade de You Tube cando comezou a súa expansión. Polo que se refire ós Mestre Mateo, o premio á mellor serie web creouse o ano pasado, no que gañou “Angélica e Roberta”. Na décimo segunda edición dos premios, que se entregarán o 12 de abril no Palexo da Coruña, as candidatas a mellor serie web e os seus representantes nos Encontros coa alumnos da EIS son:

-El Quid, ambientada nos anos 50 nunha pequena cidade onde se comete un asasinato. Os seus responsables son Bruno Nieto, considerado o primeiro director en crear unha serie para internet en galego, e Raúl García. Ambos traballan na actualidade na produtora Zenit TV e participaron na película protagonizada por Blanca Portillo, La Visitadora de Cárceles producida por TVE y TVG.

- Canillejas, na que o protagonista é don Leopoldo Mariano de Sagasta e Hannove, un reputado exdiputado da restauración de finais do século XIX. Manu Barreiro, director e coguionista do proxecto, é operador de cámara e traballou como reporteiro gráfico en varios programas de Televisión Española e da TVG. Pola súa banda, Pablo Fontela, actor e cofundador da compañía “Teatro da Falúa”, dá vida a don Leopodo e tamén participa na elaboración dos guions.
Polo que se refiere a Joke Business aborda as experiencias dos propios profesionais do sector audiovisual. A idea comezou como unha curta que, finalmente, se transformou nunha serie para internet. Déborah Vukusic, actriz e escritora, participou en numerosas películas como Todos os Santos e series de televisión como El comisario ou Matalobos. Na actualidade está a realizar xunto a Israel Nava a serie web “CZ. N.Y”.
A cuarta candidata ó Mestre Mateo, “Entre Pipas”, conta a historia dunha amizade de dous personaxes moi dispares que quedan habitualmente nun banco público.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet