A Fundación TIC difunde o labor da Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo ante os afeccionados do Breogán
-Os asistentes ó encontro do sábado entre Breogán e Palencia poderán ver nun traballo audiovisual realizado pola TIC a visita que o equipo realizou á Protectora.
- O obxectivo principal é potenciar os apadriñamentos entre os afeccionados ó baloncesto lucense.
A Fundación TIC proxectará o día 22, no partido do Breogán contra o Palencia, o traballo audiovisual sobre a visita que realizou o equipo lucense ás instalacións da Protectora, o 11 de marzo. Alí, xogadores e técnicos preocupáronse sobre as necesidades da asociación, o coidado dos animais e as posibilidades de apadriñamento.
A Protectora e a asociación canina Esmorga acudirán ó encontro con 35 cans -xa apadriñados, en custodia ou adoptados- para concienciar ó público sobre a necesidade de axudar a estes animais. Ambos colectivos farán unha exhibición, repartirán publicidade e venderán rifas para o sorteo dunha camiseta, unha bufanda e un balón firmados polos xogadores.
Colaboración coa Protectora
Deputación e Fundación TIC colaboran de xeito continuado coa Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo. Ademais da realización de reportaxes sobre o seu labor, a institución provincial arranxará unha finca de 37.000 metros cadrados anexa á Protectora, que se destinará a crear un parque de recreo para que os animais podan correr e xogar.
Protectora Saturada
A Sociedade Protectora leva mais de 30 anos de actividade na nosa provincia e, actualmente, pasan por momentos difíciles debido á cantidade de animais que acollen; máis de 440 cans, unha cifra que supera, con moito, a axeitada para o benestar dos animais.