Alumnos da TIC emitirán por streaming os Campionatos Internacionais de Baristas de Foz do 10 ó 12 de febreiro
-Por primeira vez ampliarase a cobertura ás tres xornadas do encontro no que competirán 17 escolas de hostalería de España e Portugal e 16 profesionais, entre eles, os actuais campións de Galicia, Asturias, Cantabria e Murcia
-Alfredo Llano destacou o éxito da transmisión en directo do ano pasado que foi seguida por 2.000 persoas a través da web da Fundación (www.fundaciontic.org)
-A actividade, froito do convenio entre a TIC e o IES de Foz, é unha práctica do módulo de Realización de Televisión na que participan todos os alumnos de 2º de Realización
A Fundación TIC, dependente da Deputación, amplía ós tres días do encontro de campionatos internacionais de baristas do IES de Foz, do 10 ó 12 de febreiro, a súa emisión en directo por streaming. Deste xeito, ademais do VII Campionato Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería e o II Campionato Internacional de Baristas Profesionais, todos os interesados tamén poderán seguir este ano a través da web da Fundación (www.fundaciontic.org) o II Campionato internacional de catas de café, que terá lugar na xornada inaugural.
O Deputado do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, Alfredo Llano dixo que “serán os alumnos de 2º de Realización da Escola de Imaxe e Son os encargados da realización, gravación e emisión en directo. Trátase por tanto, dunha práctica nun escenario real, un dos sinais de identidade da formación que impartimos na EIS”. Ademais, destacou “o éxito que tivo o ano pasado a transmisión por internet dos campionatos de escolas e de profesionais, que foron seguidos por 2.000 persoas”.
Alfredo Llano participou no acto de presentación que tivo lugar este mércores no instituto de Foz, ó que tamén asistiron o Alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira, o director do centro, Nemesio Rodríguez, e a xefa do Departamento de Hostalería, Ana Alonso. O Deputado dixo que “grazas ó convenio entre a TIC e o IES de Foz, todos os interesados poderán ver os detalles das probas e seguilas desde calquera parte do mundo a través dos seus dispositivos móbiles. Así contribuímos a promocionar no exterior as ensinanzas de hostalaría que imparte o centro mariñán, no que 75 mozos estudan cociña e 42, servizos”.
Desenvolvemento do programa
As demostracións arrincarán o luns, 10 de febreiro, ás 18:00 horas co II Campionato Internacional de Catas de Café, nas que un alumno de cada centro participante fará unha proba de sabores e aromas de café. O martes, a partir das 8:30 horas desenvolverase a Final do VII Campionato Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería, na que participarán alumnos de 17 escolas de hostalería de Galicia, Asturias, Cantabria, Castela e León e Portugal. Por último, o mércores terá lugar o II Campionato Internacional de Baristas Profesionais, que reunirá a 16 especialistas desta disciplina . Amosarán as súas habilidades, entre outros, os actuais campións baristas de Galicia, Guillermo González; de Asturias, Adrián González; de Murcia, Edwin Chaverra; e de Cantabria, Alexis Javier Silva.
Práctica nun escenario real
A actividade da TIC é unha práctica do módulo de Realización de Televisión da EIS e nela os alumnos de 2º de Realización, co apoio de docentes, emitirán as probas dos tres campionatos a través da páxina web da TIC. Ademais, os que se acheguen ata ó instituto focense poderán seguir as demostracións dos participantes sen perder detalle, grazas a dúas pantallas de plasma. Coma noutras edicións, o material audiovisual que se obteña empregarase para a edición dun DVD, que se entregará posteriormente ó IES de Foz. Para esta práctica os alumnos da EIS empregarán unha unidade móbil, 5 cámaras autónomas e o material para o streaming. Cada estudante rotará por todos os postos, dende realización, son ou operador de cámara, e estarán pendentes de todo o equipo necesario para o directo.