Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas de Lugo » 2011

04/12/2011

A Fundación TIC difundirá cun DVD a Noite de Merlín que conmemora o centenario de Cunqueiro

Imaxe da roda de prensaImaxe da roda de prensa

Val Alonso avanzou a participación da TIC nesta xornada que se recupera despois de case dúas décadas, tendo lugar o vindeiro 17 de decembro en Mondoñedo

Estudantes da Escola de Imaxe e Son participarán na elaboración deste traballo audiovisual que recollerá a obra teatral “Merlín e Familia”, baseada na obra do escritor

O Patrono da Fundación TIC e Deputado de Coñecemento, Emprendedores e Innovación, José Ramón Val; o Vicepresidente Primeiro do organismo provincial, Antonio Veiga; o Alcalde de Mondoñedo, Orlando González; e o Presidente da Asociación “Abrindo Camiño”, Luís Fernández Ansedes, presentaron este xoves no Pazo de San Marcos o programa de actos da “Noite de Merlín”. Trátase da xornada que acollerá o Concello mindoniense o vindeiro 17 de decembro con motivo do centenario do nacemento de Álvaro Cunqueiro. Val Alonso avanzou que a Fundación TIC colaborará con esta iniciativa mediante a gravación dun DVD que recollerá as numerosas actividades que terán lugar en diversos escenarios da localidade, nos que se dará vida á representación teatral “Merlín e Familia”, baseada na obra do ilustre escritor lugués.

Este traballo audiovisual contribuirá á promoción do encontro co fin de manter vivo o recordo da maxia cunqueriana e difundir a riqueza cultural da provincia. Os estudantes da Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC, o único centro que imparte ensinanzas da rama audiovisual na provincia, participarán na elaboración deste DVD, proporcionándolles experiencia práctica real co obxectivo de facilitar a súa inserción laboral. Segundo o Presidente de “Abrindo Camiño”, a asociación está xestionando a presentación deste traballo en Madrid, o vindeiro mes de xaneiro, a través da Casa de Galicia, coincidindo coa celebración da 32ª Feira Internacional de Turismo, Fitur.

Homenaxe ó ilustre escritor

A “Noite de Merlín” celebrouse ata en catro ocasións, entre os anos 1990 e 1993, organizada pola Asociación Cultural “Leiras Pulpeiro”. A cita, que xurdíu coma festa popular dentro das xornadas lúdico-culturais dos “Sábados de Vagar en Mondoñedo”, retómase en 2011, despois de 18 anos, impulsada pola Asociación “Abrindo Camiño” en colaboración coa Deputación de Lugo, o Concello de Mondoñedo e outras entidades sociais e culturais de dita localidade para homenaxear ós 100 anos do nacemento do prestixioso autor lugués.

Álvaro Cunqueiro Mora, naceu en Mondoñedo no ano 1911. Está considerado un dos mellores autores galegos a través da súa actividade polifacética como novelista, dramaturgo, periodista e gastrónomo.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet