Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas de Lugo » 2010

25/10/2010

Amplíase o prazo de presentación para o 1º Concurso Nacional de Curtas e Maquetas

imaxe anuncio do concursoimaxe anuncio do concurso

Poderanse entregar os proxectos audiovisuais ata o 24 de novembro, ou ata o 27 no caso dos participantes no Ludus Party

Precisamente, a entrega de premios levarase a cabo o 28 de novembro ó remate da sexta edición de dita xornada

A Fundación TIC, dependente da Deputación, amplía o prazo de presentación de traballos do 1º Concurso Nacional de Curtas e Maquetas ata o 24 de novembro, ou ata o 27 no caso dos participantes no Ludus Party. Precisamente, a entrega de premios levarase a cabo o 28 ó remate da sexta edición de dita xornada.

Ata entón, todos os interesados poderán facer chegar os seus proxectos audiovisuais a través da Internet, -mediante a aplicación destinada ó efecto no microsite www.fundaciontic.org/maquetas-; ou enviandoos á dirección da Fundación TIC (rúa do Arco, s/n 2004 Lugo) no caso das curtas. Ademais, para participar no concurso é necesario achegar ó boletín de inscrición que se pode descargar na web da Fundación (www.fundaciontic.org).

Bases e premio
As bases establecen que a creación debe ser inédita, e tan só poderá presentarse un traballo por participante ou grupo. As curtas poden ser mudas ou con son incorporado, en castelán ou galego; de non ser así, deberán ter subtítulos nun destes idiomas. Teñen que presentarse en formato DVD cunha duración máxima de 10 minutos. Polo que se refire ás maquetas, admitiranse cancións de calquera estilo.
En cada unha das modalidades –curtas e maquetas- haberá tres premios: un dotado con 2.000 euros para o traballo que mellor ensalce a Muralla; outro de 1.500 para o que potencie máis a provincia, e un terceiro de 1.000 euros destinado a autores de menos de 30 anos. Tanto as maquetas musicais como as curtas formarán parte dos arquivos da Fundación TIC e do Concello de Lugo.

A Deputación con Lugo10
O primeiro Concurso Nacional de Curtas e Maquetas é unha das catro iniciativas do organismo provincial dentro de Lugo10, o programa municipal que conmemora o décimo aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade declarado pola UNESCO. A primeira en celebrarse foi a Gala Muralla Moda 2010, acontecemento que logrou unha gran proxección a nivel nacional. Logo, antes do verán, a Deputación puxo en marcha o Barco Muralla, a pioneira aula turístico-medioambiental que está a percorrer España levando o nome do Monumento bimilenario e potenciando o ecoturismo. Na mesma data, tivo lugar Lugoteando, un programa que incluíu actividades no río para todas as idades co obxectivo de poñer en valor o segundo patrimonio lucense logo do histórico, o medioambiental.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet