Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas de Lugo » 2013

25/03/2013

Fundación TIC e Colexio de Xornalistas mostran nun curso como as redes sociais poden potenciar a industria audiovisual

imaxe dun dos cursosimaxe dun dos cursos

- Vinte alumnos da Escola de Imaxe e Son e profesionais da comunicación participaron nesta acción formativa, que concluíu este mércores no Centro de Innovación Social
- O doutor en Xornalismo pola USC Carlos Toural analizou casos de éxito no transmedia como 'Águila Roja', 'Salvados' e 'Pesadilla en la cocina'

Unha vintena de persoas, entre alumnos da Escola de Imaxe e Son e profesionais da comunicación, participaron no curso Redes Sociais no Audiovisual, organizado pola Fundación TIC, dependente da Deputación de Lugo, en colaboración co Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, co fin de amosar técnicas e estratexias de comunicación para potenciar a industria audiovisual a través das redes sociais.

As xornadas formativas, impartidas no Centro de Innovación Social In Lugo, tamén dependente da Deputación, arrancaron onte e remataron este mércores, cunha sesión ofrecida por Carlos Toural, doutor en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e membro do grupo de investigación Novos Medios dende o ano 2006. Toural asegurou que “nos tempos do transmedia e a Social TV, os produtores de contidos non podemos permitirnos non estar, e debemos desenvolver estratexias eficaces de comunicación e circulación do contido”.

O xornalista fixo unha achega ó transmedia, e ó seu impacto e tecnoloxías, así como a dúas ferramentas de auto comunicación como Facebook e Twitter. Así mesmo, ampliou a relación con redes de vídeo, xeolocalizadoras ou de fotografía, como é o caso de Vime, Foursquare e Instagram. Finalmente, analizou casos de éxito no transmedia como Águila Roja, Salvados e Pesadilla en la cocina.

O curso arrancou onte martes coa participación de Javier Varela, consultor de mercadotecnia, estratexia e comunicación 2.0 na axencia toctocmedia; e Rubén Bastón, CMO, Social Media e SEO Director en Elogia, ademais de coautor de libros colaborativos dos inicios da Web 2.0 en España e relator habitual en eventos de Social Media.

Javier Varela destacou a importancia do audiovisual na era das redes sociais e as ferramentas que poden axudar na profesión. Así mesmo, aportou ideas sobre o audiovisual na era de internet. Pola súa banda, Rubén Bastón centrouse nas saídas profesionais no Social Media e a importancia do “personal branding” ou marca persoal, un concepto de desenvolvemento persoal consistente en considerarse a si mesmo como unha marca.

Actividades complementaria
O curso Redes Sociais no Audiovisual enmárcase no plan de formación complementaria que a Fundación TIC oferta ó seu alumnado e ós seus traballadores. Entre elas, figuran a asistencia a empresas do sector audiovisual, festivais de cine ou teatro, e todos aqueles acontecementos que, segundo o Departamento de Formación da Fundación TIC, axuden a completar a formación do alumnado, dos técnicos e dos docentes, como asistencia a rodaxes ou master class de recoñecidos profesionais do mundo audiovisual.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet