Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas da Fundación TIC

27/06/2016

A TIC súmase á celebración do décimo aniversario do Club DezPortas Lugo coa gravación dun vídeo conmemorativo

-As actividades do X Aniversario do Club DezPortas celebraranse o 25 de xuño nos xardíns do Museo Provincial

-Esta iniciativa enmárcase no apoio que brinda a Fundación TIC á promoción do deporte base na nosa provincia

A Fundación TIC colabora co Club DezPortas Lugo T.M. nas actividades coas que se vai conmemorar o décimo aniversario da creación deste club lucense de tenis de mesa. A contribución da TIC consistirá na gravación dun vídeo conmemorativo durante a festa que vai xuntar aos seareiros do tenis de mesa, o día 25 de xuño, nos xardíns do Museo Provincial.

Profesionais e bolseiros da Fundación TIC gravarán o vídeo titulado “Dez mil besos de agradecementos”, a partir das sete e media da tarde. O programa das actividades conmemorativas comezará ás catro e media coa actividade lúdica e deportiva “Ping pong para todas/os”. Tamén está prevista unha merenda e varias actuacións de humor e música, así como a entrega anual de condecoracións do club.

Coa súa participación neste evento, a Fundación TIC axuda á difusión do labor que fai o Club DezPortas, unha entidade que leva dez anos dedicada a facilitar a práctica do deporte do tenis de mesa en Lugo, e tamén cumpre co seu obxectivo de facilitar os bolseiros da Escola de Imaxe e Son de Lugo a posibilidade de realizar prácticas nun escenario real.

A TIC co deporte base

A participación da TIC nesta celebración engádese ás numerosas iniciativas que desenvolve dentro da liña de colaboración que mantén co tecido asociativo da provincia, neste caso, relacionada especialmente coa promoción do deporte base.

A Fundación TIC ten asinados convenios de colaboración con máis dun cento de entidades sen ánimo de lucro da provincia de Lugo. Ao abeiro destes convenios, presta apoio ás asociacións, dá a coñecer o traballo que fan, as súas iniciativas e as actividades que organizan.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet