A TIC apoia a integración sociolaboral dos usuarios de FEAFES con prácticas de formación no eido audiovisual
- O presidente da Fundación TIC e o responsable de FEAFES Galicia asinaron un convenio de colaboración que “dará a mozos lucenses a oportunidade de adquirir experiencia profesional do eido audiovisual”, destacou Gómez Besteiro
- A sinatura tivo lugar durante a inauguración da nova sede lucense da Federación de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental, máis accesibles e funcionais
O presidente da Fundación TIC e da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, asinou este martes un convenio de colaboración co presidente da Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia-FEAFES, Xosé Ramón Girón, que facilitará a usuarios da entidade a realización de prácticas non laborais no Centro de Produción de Programas da TIC. A sinatura do convenio tivo lugar coincidindo coa inauguración das instalacións de FEAFES Lugo, á que tamén asistiu o Alcalde de Lugo, José López Orozco.
No acto, Gómez Besteiro destacou que “dando a mozos lucenses a oportunidade de adquirir experiencia profesional no eido audiovisual, a Fundación TIC quere contribuír ao traballo que está a levar a cabo FEAFES na provincia, onde presta apoio e asesoramento individualizado a 312 persoas. Durante a súa estadía na TIC, os beneficiarios realizarán labores de produción e documentación supervisadas por un titor”, engadiu Besteiro.
Novas instalacións e oportunidades
Na nova sede, sita na Ronda de Fingoi, a entidade dispón de máis espazo para desenvolver os seus servizos habituais de atención á saúde mental. Nunha superficie de 92 metros cadrados totalmente accesible, conta con tres despachos de atención a usuarios e unha sala de usos múltiples para formación.
Ao longo do ano pasado, 213 persoas beneficiáronse das accións formativas organizadas por FEAFES Lugo, 12 das cales tiveron a posibilidade de realizar prácticas non laborais en empresas. A través do seu Servizo de Orientación Laboral conseguiron ademais que 27 usuarios accederan a un posto un traballo.
A TIC mantén o seu compromiso
A Fundación TIC mantén a súa colaboración con FEAFES dende o ano 2009, data na que subscribiu o primeiro convenio coa esta entidade de ámbito galego, para promover o seu labor na provincia.
Na actualidade, a TIC ten asinados máis de 130 convenios de colaboración con ONGs, asociacións culturais, agrupacións veciñais, e entidades deportivas para difundir o seu traballo mediante a realización de traballos audiovisuais, co fin de completar a formación teórica dos alumnos con prácticas profesionais, dirixidas a favorecer a súa inserción laboral.